Mostrando entradas con la etiqueta ROSALIA DE CASTRO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ROSALIA DE CASTRO. Mostrar todas las entradas

lunes, 22 de febrero de 2016

Manifesto no Día de Rosalía de Castro 2016

http://axendaaelg.blogaliza.org/2016/02/22/manifesto-da-aelg-no-dia-de-rosalia-2016/

Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de Castro 2016


Rosalía libre e sen medo ningún

Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?

Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.
Non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»

Escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os saludo.»

E se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.

E todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:

Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa
que anos conta sin fin,
qué contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!

E, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:

No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.

Ninguén lle quite a Rosalía o que Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo na propia sangre a dura pluma.»

Estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. E foino, contra todo e contra todos.

Acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala» da súa casa.

Non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país», di ela.



Suso de Toro
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

jueves, 18 de julio de 2013

Aparece unha primeira edición de “Cantares Gallegos” cun autógrafo, unha foto inédita de Rosalía e a resposta de Fernán Caballero

http://www.sermosgaliza.com/artigo/cultura/aparece-unha-primeira-edicion-de-cantares-gallegos-cun-autografo-e-unha-foto-inedita-de-rosalia-e-o-texto-da-resposta-de-fernan-caballero/20130712113905017130.html


O libro sae ao público desde un domicilio do seu propietario precisamente grazas á mostra aberta en Vigo. O propietario do exemplar visitou a exposición e decatouse da importancia do documento que tiña na casa, polo que se dirixiu ao presidente da Fundación Rosalía para estimar  o seu valor. En poucas semanas, a Fundación Rosalía adquiriu o volume que está xa á vista pública na mostra de Vigo. 
O volume descobre un texto descoñecido no que Fernán Caballero responde en carta datada o 25 de xaneiro de 1864 á dedicatoria deRosalía de Castro. Anxo Angueira, no seu estudo dos distintos materiais, sinala como propietario orixinal do volume o escritor e amigo da infancia de Murguía, Ramón Segade, quen probablemente tería copiado a man o texto desde o seu orixinal, legando para a posteridade desta maneira un documento do que até o momento se descoñecía o seu contido.  
A Fernán Caballero, pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber, Rosalía dedícalle os “Cantares Gallegos” e é agora, cando se cumpren 150 anos da súa publicación, cando se coñece a súa resposta. Segundo o texto manuscrito, con moita posibilidade polo escritor español Ramón Segade, Fernán Caballero chámalle á poeta “ruiseñor de Galicia” e, ao tempo que gaba a súa obra, chámalle a atención pola súa queixa polo trato que os españois dan aos galegos. Malia non se coñecer até agora esta “reprimenda” de Fernán Caballero, si se sabía da reacción de Rosalía, quen, en carta a Murguía sinala: “Fernán Caballero pórtase efectivamente como unha plebea, pero perdónollo”. 
Nova foto de Rosalía 
O exemplar inclúe unha imaxe descoñecida de Rosalía, da autoría de María Cardarelly, de quen xa se coñecía unha fotografía da autora. Este novo retrato tirado de perfil dunha Rosalía nova, con toda certeza na mesma sesión que o xa coñecido, incorpora unha nova imaxe ao pequeno álbum de fotos da autora máis relevante das nosas letras, o que fai aínda máis extraordinario o seu achado. A fotografía está datada arredor do ano 1863, no tempo da publicación do libro. 
Autógrafo
O extraordinario volume recolle aínda unha sorpresa máis, os únicos versos manuscritos pola propia Rosalía que se conservan de “Cantares Gallegos”, estampados no libro para agasallo do seu autor e asinados pola propia poeta. Pasa a facer parte o documento do tamén pequeno conxunto de autógrafos da poeta. 
O exemplar cos distintos materiais que traía no seu interior incorporouse á mostra  ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié. Na páxina web da Fundación, alén de reproducións dos achados, pódese ler o estudo de Anxo Angueira sobre os materiais descubertos.